Bonecos bizarros

Peluches beatos

Non sei se coñecerán vostedes o imperio ALI. Trátase dun conxunto de superficies comerciais temáticas situadas nunha esquina do ferrolán polígono da Gándara.
Ultimamente frecuento moito o almacén adicado a produtos para nenos pequenos. ALI Bebé é un mundo de fantasía onde cousas que non imaxinas que existen, e moito menos que use un neno pequeno, atópanse en seis cores e catro tallas. O meu lema nesa tenda sempre é “ateñámonos á lista”.

Tamén venden xoguetes para neonatos. O outro día estaba fedellando cuns peluches con forma de coello e patiño cando de súpeto un deles comezou a recitar o seguinte:

‘’Santo Angel de mi Guarda, mi dulce compañía, no me desampares ni de noche ni día, hasta que me pongas en paz y alegría, con todos los santos Jesús, José y María. Y si me desamparas, qué será de mi? Angel de mi Guarda, recemos por mi'’.

Algún empresario xogueteiro opina que o lavado de cerebro ten que comezar moi cedo. Son bonecos realmente sinistros. Lémbranme o especial cariño que lle teñen os sacerdotes aos nenos pequenos. Cando España era gobernada dende os cuarteis e a sacristía estas cousas eran habituais, pero a estas alturas é bastante rancio. Seméllanse aos cadernos de caligrafía de ghanito.

O peor de todo é que mentres eu me afastaba entre gargalladas, dúas rapazas falaban do bonitos que eran e do adecuados que serían como agasallo para o fillo dunha amiga.

Eu aínda non lle cantei a internacional ao meu fillo. Deixemos aos nenos medrar en paz.

1 comentario

  1. Fer | 12 de Decembro de 2006 - 4:02 pm

    Arrrg!

Deixa unha resposta