Arquivo de Agosto de 2007

O empate de Ferrol

Once días de agosto separan estes dous titulares de La Voz de Galicia:

Deixando de lado a interesante claridade informativa do medio en cuestión, estas dúas afirmacións tan contraditorias son moi representativas da situación de Ferrol nestes tempos. Explícome. ¿Ferrol sigue en crise ou coma din os políticos indíxenas, está na rampla de lanzamento? ¿gañamos ou perdemos?

Pois en realidade imos empatados. Descrita a brochazos, a situación de Ferrol caracterízase por unha perda importante de poboación dende a crise do sector naval, en cantidade e calidade. Os empregos especializados desapareceron e a industria local, sen o motor económico dos estaleiros, rechumiuse, sendo incapaz de crear novos empregos de calidade. Isto provocou unha emigración da mellor man de obra que tiña Ferrol, a cualificada, e entre eles a maioría dos emprendedores. Hoxe en día un rapaz que sobresae na súa vocación automaticamente emigra para atopar o seu primeiro emprego, e alí onde o atopa bota raizame. Isto é o que determina, entre outras cousas, a falta de iniciativa da sociedade ferrolá. E o que eu chamo “selección industrial”, o reverso escuro da selección natural. Só os máis débiles permanecen. Pararse nunha exame da nosa clase política e empresarial é a mellor proba do que digo. Ou botar un ollo nas empresas máis dinámicas da Coruña, Vigo, Madrid ou Barcelona, nelas sempre atoparemos ferroláns de gran talento que non tiveron opcións na súa cidade.

A clásica argumentación contra todo isto que digo consta só dunha palabra: Narón. Narón medra, Narón crea industrias e emprego, etc. Incluso o outro día un amigo compostelán, maliciosamente, dicía que tiñamos que cambiarlle o nome á comarca e chamala Naronterra.

A realidade é que Narón é simplemente a parte da ecuación que fai que Ferrol viva no empate. Narón ten continuidade xeográfica, urbana, económica e social con Ferrol. Ata compartimos barrios. Milleiros de naroneses traballan en Ferrol e viceversa. E pasa o mesmo coas compras, o ocio e a vivenda. Narón medra fundamentalmente polo transvase de ferroláns. O que perde Ferrol o gaña Narón. Empatamos.

En Ferrol hai pouca vivenda de nova construción e a que existe ten uns prezos esaxerados. A vivenda de segunda man, como ocorre no resto do país, é usada para especúlar. Isto fai que os alugueres na cidade estean polas nubes e haxa moitos pisos baleiros. Os mozos vanse a vivir a Narón en mellores condicións e por menos cartos sen notar un cambio nas súas vidas. Ao fin e o cabo na realidade son a mesma cidade. Ata unha parte dos concelleiros de Ferrol adoitan vivir en Narón, e moitos dos concelleiros de Narón son ferroláns que decidiron facer política alí.

Outro tanto do mesmo ocorre co chan industrial. O estado atopou en Narón o mellor sitio para chantar un perro polígono industrial e Ferrol non ten onde meter unha nave máis.

Non hai un só alcalde de Ferrol (e tivemos moitos) que non dixera pública ou privadamente que a fusión de Ferrol e Narón sería o máis beneficioso para ambos. Un corpus demográfico tan unido non necesita dúas administracións locais. Todas estas palabras esnafráronse sempre contra o muro dun dos alcaldes máis personalistas que deu Galicia. Unha das poucas diferencias entre ferroláns e naroneses é que a nós gústanos cambiar de alcalde cada catro anos, e a eles practicamente nunca.

Tiña razón Barreiro: menos fantasías e máis reestruturación municipal, antes que as areas metroaldeanas temos que repensar os concellos.

A unión de Ferrol e Narón colocaría á nova cidade como o que realmente é: a terceira de Galicia en poboación e industria, tendo dereito ao tratamento por parte das diferentes administracións coma tal e recibindo o pequeno empuxón que permita desfacer este empate no que vivimos.

Desgraciadamente a mediocridade característica da elite actual de Ferrolterra impedirá isto. Empate tras empate ata a derrota final.

Limitación de mandatos

Agora que levamos unha tempada cuns cantos políticos novos, que algúns deles aínda son honrados, aproveitando que non ven a conto e que precisamente por iso é bo momento para falar do tema, aquí vai unha cita que me parece magnífica:

Os políticos son coma os cueiros: teñen que cambiarse a miúdo e pola mesma razón.

Tom Doobs (Robin Willians), na película Man of the Year (2006)