O empate de Ferrol
Once días de agosto separan estes dous titulares de La Voz de Galicia:
- La natalidad aumenta en la ciudad y comarca (Edición Ferrol - 11/08/2007)
- La natalidad cae un 13% en Ferrol con la segunda peor cifra de niños en 30 años (Edición Ferrol - 22/08/2007)
Deixando de lado a interesante claridade informativa do medio en cuestión, estas dúas afirmacións tan contraditorias son moi representativas da situación de Ferrol nestes tempos. Explícome. ¿Ferrol sigue en crise ou coma din os políticos indíxenas, está na rampla de lanzamento? ¿gañamos ou perdemos?
Pois en realidade imos empatados. Descrita a brochazos, a situación de Ferrol caracterízase por unha perda importante de poboación dende a crise do sector naval, en cantidade e calidade. Os empregos especializados desapareceron e a industria local, sen o motor económico dos estaleiros, rechumiuse, sendo incapaz de crear novos empregos de calidade. Isto provocou unha emigración da mellor man de obra que tiña Ferrol, a cualificada, e entre eles a maioría dos emprendedores. Hoxe en día un rapaz que sobresae na súa vocación automaticamente emigra para atopar o seu primeiro emprego, e alí onde o atopa bota raizame. Isto é o que determina, entre outras cousas, a falta de iniciativa da sociedade ferrolá. E o que eu chamo “selección industrial”, o reverso escuro da selección natural. Só os máis débiles permanecen. Pararse nunha exame da nosa clase política e empresarial é a mellor proba do que digo. Ou botar un ollo nas empresas máis dinámicas da Coruña, Vigo, Madrid ou Barcelona, nelas sempre atoparemos ferroláns de gran talento que non tiveron opcións na súa cidade.
A clásica argumentación contra todo isto que digo consta só dunha palabra: Narón. Narón medra, Narón crea industrias e emprego, etc. Incluso o outro día un amigo compostelán, maliciosamente, dicía que tiñamos que cambiarlle o nome á comarca e chamala Naronterra.
A realidade é que Narón é simplemente a parte da ecuación que fai que Ferrol viva no empate. Narón ten continuidade xeográfica, urbana, económica e social con Ferrol. Ata compartimos barrios. Milleiros de naroneses traballan en Ferrol e viceversa. E pasa o mesmo coas compras, o ocio e a vivenda. Narón medra fundamentalmente polo transvase de ferroláns. O que perde Ferrol o gaña Narón. Empatamos.
En Ferrol hai pouca vivenda de nova construción e a que existe ten uns prezos esaxerados. A vivenda de segunda man, como ocorre no resto do país, é usada para especúlar. Isto fai que os alugueres na cidade estean polas nubes e haxa moitos pisos baleiros. Os mozos vanse a vivir a Narón en mellores condicións e por menos cartos sen notar un cambio nas súas vidas. Ao fin e o cabo na realidade son a mesma cidade. Ata unha parte dos concelleiros de Ferrol adoitan vivir en Narón, e moitos dos concelleiros de Narón son ferroláns que decidiron facer política alí.
Outro tanto do mesmo ocorre co chan industrial. O estado atopou en Narón o mellor sitio para chantar un perro polígono industrial e Ferrol non ten onde meter unha nave máis.
Non hai un só alcalde de Ferrol (e tivemos moitos) que non dixera pública ou privadamente que a fusión de Ferrol e Narón sería o máis beneficioso para ambos. Un corpus demográfico tan unido non necesita dúas administracións locais. Todas estas palabras esnafráronse sempre contra o muro dun dos alcaldes máis personalistas que deu Galicia. Unha das poucas diferencias entre ferroláns e naroneses é que a nós gústanos cambiar de alcalde cada catro anos, e a eles practicamente nunca.
Tiña razón Barreiro: menos fantasías e máis reestruturación municipal, antes que as areas metroaldeanas temos que repensar os concellos.
A unión de Ferrol e Narón colocaría á nova cidade como o que realmente é: a terceira de Galicia en poboación e industria, tendo dereito ao tratamento por parte das diferentes administracións coma tal e recibindo o pequeno empuxón que permita desfacer este empate no que vivimos.
Desgraciadamente a mediocridade característica da elite actual de Ferrolterra impedirá isto. Empate tras empate ata a derrota final.

Voto a favor da unión…
nunca pensei que a estrada de castela fose unha división, mais ben ao contrario. Os datos do 2006 de natalidade de Narón son espectaculares, pero si se suman aos de Ferrol resulta unha das zonas de crecemento da natalidade de Galicia, que ten en xeral un balanzo negativo. Os datos: www.ige.eu
Pois ese debate debería abrirse polo menos un par de veces cada catro anos e ir aboando o terreo para cando chegue o post-gatismo.
A unión sería a verdadeira ”infraestrutura” que necesita Ferrolterra, iso sen ter en conta as vantaxes e inversións preferentes que reciben as cidades de máis de cen mil habitantes. E non só non custaría cartos, senón que os aforraríamos en duplicidades administrativas. Tamén se podería falar de complementar servizos municipais cos que un cidadán pode ou non contar en función de que lado da ponte das cabras vive. Non hai razóns reais en contra.
Noraboa por este post amigo Xaime, comparto contigo a idea que expós. Moi axeitada para o caso a referencia ó profesor Barreiro Rivas.
Apertas
Súmome ás felicitacións.
As verdades son sempre verdades.
Visto dende a otra parte da ría, Ferrol-Narón e Narón-Ferrol son o mesmo, defeito penso que non nos decatariamos de que estamos en Narón ata chegar o Alto do Castaño-Freixeiro. O concello de Narón ten a sorte de atoparse nunha das direccións de máis doada expansión de Ferrol pola columna vertebral que é a Estrada de Castela e dende ahí lateralmente, e dos polígonos pois xa se ve como está o do Río do Pozo, inmenso. Pero xa se está a manifestar os problemas da masificación nas horas “punta” nos accesos do polígono.
O crecemento de Narón pode ser similar ó que pasa en Redondela e Mos con Vigo (peghadiños), Porriño con Vigo (no industrial: ali hai unha zona franca), Tomiño e O Rosal con Vigo (que están a ser concellos-dormitorio), ou Ames con Santiago. En fín que hai exemplos dabondo, e é o lóxico. E non debería ser traumático para os concellos grandes.
Non coñezo a referencia que fas ó profesor Barreiro, pero para mín é suficiente o que dí de “repensar os Concellos”. É sabido que a primeira institución cercana ó veciño é o Concello, que a capacidade de “funcionar” non é máis que darlle sentido de servicio por parte dos políticos que forman a corporación. A partir de ahí medraremos. Senón será o que dís de empate tras empate ata a derrota final.
Faltan foros de diálogo-discusión para estudar-solucionar problemas da sociedade con visión de futuro. E sobran “chiringuitos radiofónicos”.
Saúdos.
Voute enredar un pouco, Delfín; no Norte da Ría estamos de acordo, pero no Sur? Que debería pasar con Neda, Fene, Mugardos, Ares ou Cabanas? A solución parece máis complicada, non?
Creo que o puramente racional é a agrupación de concellos, pero salvo casos puntais, vexo tremendas dificultades para levalo á práctica; supoño que terá que ser un debate a longo prazo que permita actuar cando os cidadáns estean suficientemente concienciados e espero que iso sexa antes de que comprobemos fisicamente as consecuencias negativas de manter a actual e insostible división micromunicipal.
Por agora estamos lonxe dese futuro, non en van, os tres únicos cambios municipais que vivimos en Galicia foron segregacións, creacion de novos concellos, non agrupamentos: Burela (ex Cervo), Cariño (ex Ortigueira) e A Illa de Arousa (ex Vilanova). Aínda así, o caso de Galicia nin é único nin é o peor, por exemplo, creo lembrar que Aragón ten a metade de habitantes de Galicia e case o mesmo número de concellos que nos.
Ben, non é enredo ningún. Gracias Iván.
Penso que o futuro non vai ser outro que o xuntarse,… Polo de agora temos esta infraestrusctura administrativa creada. Poderiamos falar de tópicos e ditos tales coma “desvestir un santo para vestir outro”, etc, etc. Ainda a risco de equivocarme, creo que o que dixen de Ferrol e Narón é ben certo, se non eres daquí non saberias decir, cando menos na vertebración da estrada de Castela onde remata un e comenza o outro,… pero iso da igual. Nin Ferrol se debe laiar por non dar crecido coma Narón (¿?), nen Narón sacar peito polo mesmo. E os responsables políticos teñen que ter claro a orientación que se lle queren dar ó seu Concello, e levala adiante. Falas desta parte da ría, Neda-Fene-Cabanas-Ares-Mugardos,…. de Fene podo intuir que vas tentar darlle a volta e “espabilar” o Concello, con apertura de pistas, definir a Ronda Este (¿Este é non?), e demáis. De Cabanas podo decirche que non se sabe cal é o rumbo que lle quere dar a coroporación, eu teño claro que non podo aspirar a que teñamos en Cabanas un asteleiro, e a topografía do Concello limítate grandemente para darlle forma,…pero sí teño claro unha orientación conxugando lecer-turismo, industria-rural e vivendas, agora non é o momento nen o lugar. E dentro do meu Concello teño que ser capaz de desenrolar esas materias, e cando necesite por coherencia lóxica, pedir axuda-implicación ós meus veciños Pontedeume-A Capela-Fene para certos servicios non se me deben caer os aneis. Servicios que serían necesarios pero que individualmente non podo dar.
É por ahí por onde comenza o posibilidade de unión, o nome que lle queiramos dar pois o mesmo dará consorcio, comunidade de servicios, mancomunidade,…. creo ver que estamos dacordo en que por separado non se vai a ningures. Por que coma se dí por Ortigueira “as de Cariño para ir a Ortigueira teñen que pasar por A Pedra”.
Saúdos.
Gracias Xaime por poder falar aquí.
Me apunto también a la teoría de que, antes de hablar de mancomunidades y demás cuestiones similares, habría que hablar de fusiones de municipios, porque creo que hay un consenso general sobre la idea de que sobran Ayuntamientos, y creo sinceramente que es así.
Ir hacia la segregación, y la multiplicación de más Ayuntamientos, es una completa salvajada sin sentido.