Arquivo de Setembro de 2007

San Froilán 2007

É a xenuína festa galega, onde o polbo non se exalta, cómese. Onde orquestras, concertos, chiringos, postos e esmorga mestúranse durante unha semana imprescindible. Ata hai un día adicado a Ferrol, cidade irmán!

A única celebración patronal que se publicita por toda Galicia, cuns carteis que soen ser xeniais, onde o polbo é o protagonista.

Este é o cartel deste ano:

Cartel oficial

Non é tan xenial, verdade? Este ano o cartel é feo, ou polo menos a min mo parece.

E como o mellor xeito de criticar é dar alternativas, aquí van un par de propostas:

Week of the tentacle - San Froilán
-
San Froilán do Holandés Errante

En PDF where available:

San Cristobal

Faro de San Cristobal

San Cristobal é un delicioso recuncho situada na banda norte da boca da ría de Ferrol. Está a carón do novo porto exterior, ese que aniquilou o belo tramo costeiro que era Caneliñas.

Alleo ao brutal desmonte, San Cristobal mantense coma sempre, quedo e fermoso.

Moi pouca xente de fora o coñece, supoño que eclipsado pola beleza salvaxe das praias que están ao norte, fora da ría, e tamén por mor do nada doado acceso, serpeando estradas angostas e subindo e baixando montes que hai dous séculos 15.000 ingleses non foron quen de conquistar.

Aínda que moi invadido por eucaliptos, conserva clareiros e corredoiras que discorren entre carballos e castiñeiros, onde só se escoita o crepitar da madeira vella e o fungar do vento entre as polas. Cando chega setembro podes achegarte á pequena pero case milenaria ermida que hai no medio da espesura, e baixar dende alí cara o mar, de vagar, pisando as follas murchas das acacias brancas que se acumulan no camiño, esquivando grandes felgos e cachopas balorentas, deixando atrás os valados de pedra inzada de enredadeiras e carriza, cruzando as leiras dende as que se domina a Marola, que é a mar toda, perdendoa despois de vista baixo unha matogueira para, de súpeto, volver a atopala aos teus pes, na ribeira.

Nela hai tres minúsculas linguas de area que algúns chaman praia, entre penedos e pequenos farallóns de formas redondas e caprichosas, esculpidos por unha mar cada vez menos brava por mor do novo peirao. Pedra e area forman un pequeno entrante na ría dende o que se pode admirar, na outra banda, o formidable Montefaro descendendo vertixinosamente cara a auga e ferindo ao Atlántico en punta Segaño..

Nun dos extremos da cativa cala está o faro. Podes acceder dende terra atravesando as ruínas da batería de San Cristobal, pasando baixo unha porta de granito e follaxe e percorredo un pequeno camiño entre muros cubertos de silveiras e que remata nuns escalóns.

Enriba verás dous faros. Ao teu carón o de San cristobal, grande, duns catro metros, branco e fermoso. E outro diante, moi pequeniño, ao lonxe, na costa da cascarilla.

Rema! rema! rema!

Pontedeume ten dúas festas importantes ao ano (en realidade tres porque celebran a de Breamo dúas veces). Onte estiven nun dos días grandes da festa das peras.

É todo moi ritual. Primeiro mómaros e cabezudos percorren o pobo durante toda a mañá. Os mómaros son uns xigantes construidos a partires dun armazón e manexados por dous curtidos eumeses que paran cada dous bares a repoñer forzas.

É interesante observar a foto do medallón do mómaro macho.

Mómaro

Efectivamente: é Pavarotti.

Mómara

Logo ven a popular cucaña marítima, onde unha chea de rapaces do pobo tentan coller unha bandeira cravada ao final fun pau que colga dun barco. Centos e centos de persoas vendo o espectáculo e moitos fotógrafos recollendo os mellores mocazos a toda cor. E unha chea de eumeses berrando á vez ¡sebo al palo! ¡sebo al palo!

Cucaña marítima

Pero o mellor ven ao final da mañá. A iso das dúas, cando a terceira bandeira da cucaña é apañada, préndese “o galán”.

O galán

O galán ven sendo un boneco remando nun bote enriba dun poste. Disque representa aos poderosos. Cando acenden a mecha comeza a dar voltas entre o fume e os asubíos dos foguetes que leva a proa e popa. En menos dun minuto deixa de xirar e ponse a remar. Os eumeses entón comezan o seu mantra: rema!, rema!, rema!, rema!, rema!. Inmendiatamente despois estóupalle a cabeza en mil anacos.

É o mais punk que vin nunha festa.