Caucus, primarias, superdelegados e convencións

Todo proceso político no que se producen votacións xa é interesante de por si. Convencer, pactar, trazar a estratexia e moverse no aparato electoral para recoller o máximo número de apoios é unha dos máis grandes retos que pode ter un equipo humano. E pola miña pequena experiencia podo dicir que dista moito de ser sinxelo. Nin tranquilo.

E nestas cousas ocorre coma nunha partida de xadrez ou de fútbol. Só os que coñecen ben as normas de xogo e teñen experiencia previa vivindo outras competicións o atopan apaixonante e son quen de seguir o vertixinoso desenvolvemento do encontro.
É por iso que aínda tendo unha gran importancia global, o proceso de nomeamento de candidatos presidenciais nos Estados Unidos é tratado dun xeito tan superficial e esperta tan pouco interese. Nos bares do país non se escoitan conversas sobre este tema e nos medios de comunicación dase unha información aínda máis simplificada da que obteñen os cidadáns ianquis.

Falemos entón do proceso previo ás presidenciais de EEUU. Comecemos por recoñecer que me perdo niso coma calquera e que eu só son experto en facer licor de guinda, pero vou facer uso desta anotación para tentar entender como funciona exactamente todo isto e saber por que son tan importantes os cactus de Iowa e as primas de New Hampshire.

Vaiamos co conto. Os candidatos a candidatos presidencias demócratas e republicanos teñen que superar un proceso de elección longo, duro e difícil. E caro. Non vou afondar no tema dos cartos. É dos máis importantes e está fortemente imbricado co proceso de primarias (o fluxo de doacións depende moito dos resultados que se van acadando), pero iso é un asunto que daría para unha anotación máis longa que falase das contradicións entre métodos, ideas e grupos de presión.

Todo comeza cando os interesados, normalmente cargos institucionais (senadores, congresistas, etc.), manifestan a súa intención de competir para o nomeamento. Forman comités exploratorios que valoran as súas posibilidades e apoios e comezan a recadar cartos. Durante os meses previos á celebración de caucus e primarias acuden a reunións de partido, forman os seus equipos territoriais e inician a campaña mediática.

O pistoletazo de saida é tradicionalmente o caucus de Iowa e as primarias de New Hampshire, seguido de distintos tipos de comicios en cada un dos estados e que culminarán nas convencións de xuño (equivalentes aos congresos dos partidos de aquí) de onde sairán oficialmente refrendados. Os estados xogan coas datas dos caucus e primarias para acadar máis relevancia nacional e ter máis capacidade de inflúir no resto de procesos.

Os diferentes sistemas de elección que usan os estados son os seguintes:

  • Caucus: É moi semellante ao que aquí entendemos por asemblea de elección de delegados ao congreso do partido. Reúnense en colexios, igrexas, bares ou sociedades, escoitan aos representantes de cada candidatura e elixen a delegados que representan o sentir do seu voto.

O proceso interno, os cálculos para asignar delegados e a pirámide de eleccións territoriais é algo complexo, pero basicamente unha vez calculados e asignados os delegados en función da representación serán enviados ás convencións do condados, onde se elixirán os delegados das convencións do distritos, de onde sairán os delegados da convención do estado que finalmente elixen delegados para a convención estatal de cada partido onde votarán polo candidato que representan.

O dos caucus é un sistema minoritario e a moitos estadounidenses lles parece “exótico”. Consideran raro quedar todos á mesma hora e no mesmo sitio para escoitar aos simpatizantes, discutir e despois votar.

  • Primarias: Funciona coma unha votación normal. Os que teñen dereito a voto achéganse aos habituais centros electorais e deixan a papeleta da súa candidatura preferida.

Pero ¿quen vota nas primarias e caucus? Pois depende. Cada cidadán só pode participar no proceso de primarias dun único partido. Hai tres tipos de elección en función do estado e do partido: Aberta (onde calqueira que solicite a papeleta pode votar, aínda que sexa votante rexistrado do partido rival), pechada (onde só votan militantes e votantes rexistrados do partido) e semi-pechada (onde votan militantes, votantes rexistrados do partido e votantes sen afiliación). Nos caucus pasa o mesmo, por exemplo os do partido demócrata de Iowa son abertos e os de Nevada son pechados.

O aparato dos partidos tamén ten unha cota importante no proceso cos superdelegados, cargos públicos e orgánicos dos partidos nun número distinto en función do estado, que chegan á convención nacional sen necesidade de ser votados e que non teñen obriga de votar por ningún candidato en concreto. Tamén existén delegados saídos de primarias e caucus que non están suxeitos a disciplina de voto.

Normalmente os precandidatos van caendo durante os meses de primarias e caucus cando se quedan matematicamente sen posibilidades de elección ou cando contando con poucas opcións se quedan sen fondos. Isto, unido ao previsible do voto dos delegados, fai que se chegue ás convencións nacionais co gañador xa decidido e se convertan nunha cerimonia de lanzamento dos candidatos presidencias (e dos candidatos a vicepresidentes) e da súa plataforma (o que aquí nos partidos se chama “o documento”, o papel no que se plasman as ideas, proxectos e metas nas que supostamente se apoia a candidatura).

As eleccións presidenciais, finalmente, teñen lugar o martes despois do primeiro luns de Novembro. Desta vez será o día 4.

Referencias de interese:

Non hai comentarios, pero aínda estás a tempo

Deixa unha resposta