Arquivo de Xullo de 2008

Busca os tres erros

Valo de obra

Nesta foto tomada no ferrolán barrio de Canido, que amosa un dos valos de obra colocados con motivo das enésimas reformas da cativa pero auténtica praza da Tafona.

Bonus:
Por certo, un punto extra se acertan a resposta correcta a esta outra pregunta:
¿cal é a praza onde residen as esencias do BNG?
a) A Quintana
b) A Tafona
c) Depende

Actualización (7/8/2008): Os da Voz casualmente pasaron pola nosa cativa rúa e viron o mesmo. O poñen en portada.

Roi o cagabolas

Roi o cagabolas

Roi o Cagabolas, malabarista. Detalle do seu escalofriante número, onde fai voar tres fouciñas subido enriba dun rolo e unha táboa.

Non se preocupen, as fouciñas rara vez sobrepasan a barreira de contención de nenos.

(Referíndose aos nenos e nenas que abarratoban a primeira fila do público.)

A foto de Fene

Dende fai uns uns meses estaba dándolle voltas a como facer una foto do concello de Fene.

Primeiro pensei nos métodos que utilizo habitualmente para atopar lugares altos con boas vistas. O primeiro deles é usar o Google Earth coa capa de terreo 3D que ten, e tras ver cal é a maior elevación preto do lugar, simular co programa cales son as vistas que podería ter nos seus arredores. O segundo é usar unha funcionalidade xenial da Carta Digital do Ejército que amosa a visibilidade que tes dende o un punto dado do mapa.

Así atopei no seu día o cumio de Coto do Rei, no monte de Marraxón, dende onde saquei algunha boa foto de Ferrol (por exemplo unha enorme que está colgada na entrada do Hotel Plaza, en Ferrol).

Coma nos últimos tempos xa coñezo mellor o Concello de Fene, me din conta de non hai un sitio máis alto que Coto do Rei, que con case 400 metros sobre o nivel do mar é en realidade o punto mais alto arredor de toda a Ría de Ferrol.

Outras opcións con boas vistas de Fene, son os dous viadutos da Autopista AP-9 que cruzan o concello. O problema disto é que está prohibido parar na autopista, e tiña dor de cabeza só de pensar a de chamadas que tería que facer a Audasa e á DGT para conseguir un permiso. Ademais, ao igual que dende Marraxón, a foto sería “das costas” do concello. Fene mira cara o mar (ou cara ASTANO, mais ben).

Pero non podo sacar unha foto elevada dende o mar, pensei.

Así foi coma Iván me deu unha idea: subamos á ponte grua de Navantia.

A ponte grúa de Navantia, como a chaman en Fene, é unha grúa pórtico que podería albergar no seu interior a Catedral de Santiago. Pode levantar pezas de 800 toneladas. É grande, moi grande. E canto estás preto de dela te das conta de que o é máis do que pensabas.

Ría de Ferrol e grua pórtico

Pedimos o correspondente permiso e subimos a ela nun fermoso atardecer de primaveira. Ten un ascensor, e no interior da viga central hai varias habitacións e espazos moi grandes. Enriba de todo a plataforma ten 14 metros de ancho e todo o longo da viga. É unha estrutura tan grande e tan sólida que nin sequera tes vértigo.

Foi unha hora de sesión de fotos que deu para moito.

Deu, por exemplo, para que poida parir este panorama composto de 31 fotos e 120 megapixeles que estou a piques de rematar e que creo que é a foto que todo fenesista debe ter no seu salón. É a foto de Fene.

Panorama de Fene

Evidentemente nesta miniatura non se aprecia ben a foto. Aquí poño un recorte a tamaño real duns rapaces de San Valentín pasando o rato.

Detalle do panorama

E finalmente o orgulloso autor subido a lomos do xigante de ferro, nunha foto que me sacou Iván e que co contraluz impide que se aprecie ben o sorriso.

Xaime no lombo da besta

En curto prazo colgarei aquí a foto de Fene en alta resolución para uso e gozo de quen a queira.

Crise

Sobe a gasolina para poder manter a rendibilidade do capital dos especuladores fuxidos do ladrillo.
Soben os productos básicos para salvagardar a marxe dos intermediarios.
Soben os alugueres para que non perdan cartos os que se creron que a vivenda, máis que un dereito, era un investimento.
Sobe o canon para que a SGAE salve o seu caduco modelo de negocio grazas ao que lles pago por gardar as miñas fotos en DVD.
Sobe a luz para tapar os buratos que teñen as eléctricas dende que, en época de vacas gordas, decidiron “investir e diversificar” no estranxeiro.
Mellor non falar do Euribor.

Ao mellor a ti te pasa como a min, que te sobe o salario por debaixo do IPC (é dicir, te baixa) pero tes que ser o paganini de todas esas subas. Ben, seguro que te sentes mellor sabendo que estás a paliar a desaceleración dalgúns sectores.

Como dis? Que te cagas en la puta madre da desaceleración? Acouga, que te vai dar unha crise desaceleración.