Arquivo do tema 'ferrolterra'

Fabricando o maior lago de Galicia

Mina de lignito pardo de As Pontes. Corenta anos facendo un enorme burato e enchendo todo un val cos residuos ata convertelo nun monte. Con máquinas coma esta.

Machina

Catro anos por diante para encher o furado con auga de varios regatos e do río Eume. Do 2008 ao 2012.

Enchendo

A operación é tan descomunal que só se pode apreciar indo a velo. Unha depresión de seis quilómetros de lado e douscentos metros de profundidade que parece imposible de encher. Se amplias a foto anterior, enriba, á esquerda, verás unha pequena liña gris, moi fina. É un rompeolas. Os grandes bloques de granito apilados agardan a chegada das augas case na cima dun monte.

Ao seu carón estoupa de vida unha montaña artificial, a escombreira, recuberta con medio millón árbores plantadas, con pequenas lagoas e xunqueiras, con coellos, raposos, lobos, corzos e moitos paxaros. Debaixo se esconden corenta anos de pedras e cinza.

Escombreira

A lagoa pasará a mans da Xunta. A escombreira seguirá sendo propiedade de Endesa.

Haberá unha praia de máis dun quilómetro, un peirao deportivo, un campo de golf e zonas de ocio.

Enchendo

A Xunta, Endesa e algúns científicos opinan que será un gran espazo natural, incluso merecedor de proteccións mediambientais. Os ecoloxistas din que o río Eume, que entrará e sairá do lago, se danará seriamente a causa da acidificación das súas augas polos sulfuros e outros compostos das paredes da mina (a empresa fala de cubrilas con arxila).

O gran botellón

Imaxinen un mega-botellón dende a tarde ata as tantas da mañá, pero coa agravante de que percorre toda a cidade. Isto é Ferrol na Semana Santa. Fanáticos ultracatólicos animando a nachos vestidos coma o ku klux klan, outros con burka e descalzos, arrastrando troncos e cadeas e dándose lategazos. Tamén os que carrexan pesadísimas reproduccións de esceas gore, á vista de todos os nenos e nenas. Con cornetas e atronadores tambores que fan imposible durmir ata que rematan a súa orxía. E toda esa turba escoltada por patrullas do exército e acompañada de concelleiros dun estado aconfesional, que previamente ordearon cortar o tráfico no centro da cidade durante toda unha semana.

Caos, ruído, atascos, okupación de espazos públicos e escenas non recomendadas para menores. E pagado co diñeiro de todos.

Si, si. No ano 2008.

Canido

Paseando pola mostra de poemas e outros textos de Xosé María Pérez Parallé que a Liga de amigos de Barallobre (Fene) ten exposta co gallo do seu vixésimo cabodano, atopei esta fermosa letra para rondalla ferrolá.

Pérez Parallé, tamén coñecido coma “O segrel do Penedo” naceu en Canido (pero pasou case toda a súa vida en Barallobre).

Canido

Pola porta de Canido
cheguei no carro do día
do xardín dos alboríos
o cravel de amor traguía

As saudades teño Praza
do Cruceiro, donde un día
namoroume unha rapaza
ca melura que engadía

Dos ensonos estantíos
unha moza, de ti deume
Fonte d’Insua, os manantíos
e de amor embebedeume

Canido, Canido
do sol e da rúa
da praza e da lúa
da estrela e da flor

Ouh, barrio leilido
saudade, lembranzas
de ensonos, de esperanzas
de roldas, de amor

As lembranzas nun recanto
da tafona recordada
engadironme no encanto
dunha moza regalada

Con esperanza de voltares
nalgún día, a ti Canido
pra decirche os meu cantares
i o segredo mais sentido.

Pola porta de Canido
marchouse o carro do día,
nos labios dunha doncela,
o cravel do amor surría

Canido: de roldas, de amor

Letra: Xosé María Pérez Parallé
Música: Juan Hernández Martínez

Xuño de 1984.

San Cristobal

Faro de San Cristobal

San Cristobal é un delicioso recuncho situada na banda norte da boca da ría de Ferrol. Está a carón do novo porto exterior, ese que aniquilou o belo tramo costeiro que era Caneliñas.

Alleo ao brutal desmonte, San Cristobal mantense coma sempre, quedo e fermoso.

Moi pouca xente de fora o coñece, supoño que eclipsado pola beleza salvaxe das praias que están ao norte, fora da ría, e tamén por mor do nada doado acceso, serpeando estradas angostas e subindo e baixando montes que hai dous séculos 15.000 ingleses non foron quen de conquistar.

Aínda que moi invadido por eucaliptos, conserva clareiros e corredoiras que discorren entre carballos e castiñeiros, onde só se escoita o crepitar da madeira vella e o fungar do vento entre as polas. Cando chega setembro podes achegarte á pequena pero case milenaria ermida que hai no medio da espesura, e baixar dende alí cara o mar, de vagar, pisando as follas murchas das acacias brancas que se acumulan no camiño, esquivando grandes felgos e cachopas balorentas, deixando atrás os valados de pedra inzada de enredadeiras e carriza, cruzando as leiras dende as que se domina a Marola, que é a mar toda, perdendoa despois de vista baixo unha matogueira para, de súpeto, volver a atopala aos teus pes, na ribeira.

Nela hai tres minúsculas linguas de area que algúns chaman praia, entre penedos e pequenos farallóns de formas redondas e caprichosas, esculpidos por unha mar cada vez menos brava por mor do novo peirao. Pedra e area forman un pequeno entrante na ría dende o que se pode admirar, na outra banda, o formidable Montefaro descendendo vertixinosamente cara a auga e ferindo ao Atlántico en punta Segaño..

Nun dos extremos da cativa cala está o faro. Podes acceder dende terra atravesando as ruínas da batería de San Cristobal, pasando baixo unha porta de granito e follaxe e percorredo un pequeno camiño entre muros cubertos de silveiras e que remata nuns escalóns.

Enriba verás dous faros. Ao teu carón o de San cristobal, grande, duns catro metros, branco e fermoso. E outro diante, moi pequeniño, ao lonxe, na costa da cascarilla.

Rema! rema! rema!

Pontedeume ten dúas festas importantes ao ano (en realidade tres porque celebran a de Breamo dúas veces). Onte estiven nun dos días grandes da festa das peras.

É todo moi ritual. Primeiro mómaros e cabezudos percorren o pobo durante toda a mañá. Os mómaros son uns xigantes construidos a partires dun armazón e manexados por dous curtidos eumeses que paran cada dous bares a repoñer forzas.

É interesante observar a foto do medallón do mómaro macho.

Mómaro

Efectivamente: é Pavarotti.

Mómara

Logo ven a popular cucaña marítima, onde unha chea de rapaces do pobo tentan coller unha bandeira cravada ao final fun pau que colga dun barco. Centos e centos de persoas vendo o espectáculo e moitos fotógrafos recollendo os mellores mocazos a toda cor. E unha chea de eumeses berrando á vez ¡sebo al palo! ¡sebo al palo!

Cucaña marítima

Pero o mellor ven ao final da mañá. A iso das dúas, cando a terceira bandeira da cucaña é apañada, préndese “o galán”.

O galán

O galán ven sendo un boneco remando nun bote enriba dun poste. Disque representa aos poderosos. Cando acenden a mecha comeza a dar voltas entre o fume e os asubíos dos foguetes que leva a proa e popa. En menos dun minuto deixa de xirar e ponse a remar. Os eumeses entón comezan o seu mantra: rema!, rema!, rema!, rema!, rema!. Inmendiatamente despois estóupalle a cabeza en mil anacos.

É o mais punk que vin nunha festa.

O empate de Ferrol

Once días de agosto separan estes dous titulares de La Voz de Galicia:

Deixando de lado a interesante claridade informativa do medio en cuestión, estas dúas afirmacións tan contraditorias son moi representativas da situación de Ferrol nestes tempos. Explícome. ¿Ferrol sigue en crise ou coma din os políticos indíxenas, está na rampla de lanzamento? ¿gañamos ou perdemos?

Pois en realidade imos empatados. Descrita a brochazos, a situación de Ferrol caracterízase por unha perda importante de poboación dende a crise do sector naval, en cantidade e calidade. Os empregos especializados desapareceron e a industria local, sen o motor económico dos estaleiros, rechumiuse, sendo incapaz de crear novos empregos de calidade. Isto provocou unha emigración da mellor man de obra que tiña Ferrol, a cualificada, e entre eles a maioría dos emprendedores. Hoxe en día un rapaz que sobresae na súa vocación automaticamente emigra para atopar o seu primeiro emprego, e alí onde o atopa bota raizame. Isto é o que determina, entre outras cousas, a falta de iniciativa da sociedade ferrolá. E o que eu chamo “selección industrial”, o reverso escuro da selección natural. Só os máis débiles permanecen. Pararse nunha exame da nosa clase política e empresarial é a mellor proba do que digo. Ou botar un ollo nas empresas máis dinámicas da Coruña, Vigo, Madrid ou Barcelona, nelas sempre atoparemos ferroláns de gran talento que non tiveron opcións na súa cidade.

A clásica argumentación contra todo isto que digo consta só dunha palabra: Narón. Narón medra, Narón crea industrias e emprego, etc. Incluso o outro día un amigo compostelán, maliciosamente, dicía que tiñamos que cambiarlle o nome á comarca e chamala Naronterra.

A realidade é que Narón é simplemente a parte da ecuación que fai que Ferrol viva no empate. Narón ten continuidade xeográfica, urbana, económica e social con Ferrol. Ata compartimos barrios. Milleiros de naroneses traballan en Ferrol e viceversa. E pasa o mesmo coas compras, o ocio e a vivenda. Narón medra fundamentalmente polo transvase de ferroláns. O que perde Ferrol o gaña Narón. Empatamos.

En Ferrol hai pouca vivenda de nova construción e a que existe ten uns prezos esaxerados. A vivenda de segunda man, como ocorre no resto do país, é usada para especúlar. Isto fai que os alugueres na cidade estean polas nubes e haxa moitos pisos baleiros. Os mozos vanse a vivir a Narón en mellores condicións e por menos cartos sen notar un cambio nas súas vidas. Ao fin e o cabo na realidade son a mesma cidade. Ata unha parte dos concelleiros de Ferrol adoitan vivir en Narón, e moitos dos concelleiros de Narón son ferroláns que decidiron facer política alí.

Outro tanto do mesmo ocorre co chan industrial. O estado atopou en Narón o mellor sitio para chantar un perro polígono industrial e Ferrol non ten onde meter unha nave máis.

Non hai un só alcalde de Ferrol (e tivemos moitos) que non dixera pública ou privadamente que a fusión de Ferrol e Narón sería o máis beneficioso para ambos. Un corpus demográfico tan unido non necesita dúas administracións locais. Todas estas palabras esnafráronse sempre contra o muro dun dos alcaldes máis personalistas que deu Galicia. Unha das poucas diferencias entre ferroláns e naroneses é que a nós gústanos cambiar de alcalde cada catro anos, e a eles practicamente nunca.

Tiña razón Barreiro: menos fantasías e máis reestruturación municipal, antes que as areas metroaldeanas temos que repensar os concellos.

A unión de Ferrol e Narón colocaría á nova cidade como o que realmente é: a terceira de Galicia en poboación e industria, tendo dereito ao tratamento por parte das diferentes administracións coma tal e recibindo o pequeno empuxón que permita desfacer este empate no que vivimos.

Desgraciadamente a mediocridade característica da elite actual de Ferrolterra impedirá isto. Empate tras empate ata a derrota final.

Arrededios!

¡Arredediós que quieren meternos esos barcos por el culo! ¡pues no los queremos!

A miña nai, referíndose aos gaseiros que poñen en peligro aos habitantes da ría de Ferrol. O sentimento de rechazo a Reganosa en Ferrolterra é maioritario, pero a manipulación dos medios e a desvergoña dos políticos fan que no resto de Galicia sexa percibido como unha rabieta de catro mariscadores.

Na outra banda

Iván

Que saiban vostedes que hoxe estou en Fene de festa, aínda que eu son de Ferrol.

A ver quen traballa mañá.

Iván Iván Iván Iván Iván

MultipIván

Cando lle fixen esta foto a Iván pretendía retratalo. Non é unha redundancia. Iván é un furacán e se non estás rápido co ollo podes velo multiplicado. O bule-bule deste fenés mantense a base de quitarlle horas ao soño e ao lecer.

E nembargantes é un tipo sereno.

Agora que está en precampaña leva un ritmo frenético, pero as súas ideas seguen firmes e tranquilas coma o granito ao sol. Así ten que ser un alcalde, penso eu.