John Balan [1935-2008]

Se houbese ceo imaxinen coma tocaría hoxe nas súas portas.

Se houbese ceo imaxinen coma tocaría hoxe nas súas portas.
Imaxinen un mega-botellón dende a tarde ata as tantas da mañá, pero coa agravante de que percorre toda a cidade. Isto é Ferrol na Semana Santa. Fanáticos ultracatólicos animando a nachos vestidos coma o ku klux klan, outros con burka e descalzos, arrastrando troncos e cadeas e dándose lategazos. Tamén os que carrexan pesadísimas reproduccións de esceas gore, á vista de todos os nenos e nenas. Con cornetas e atronadores tambores que fan imposible durmir ata que rematan a súa orxía. E toda esa turba escoltada por patrullas do exército e acompañada de concelleiros dun estado aconfesional, que previamente ordearon cortar o tráfico no centro da cidade durante toda unha semana.
Caos, ruído, atascos, okupación de espazos públicos e escenas non recomendadas para menores. E pagado co diñeiro de todos.
Si, si. No ano 2008.

Ten aires de frol recente e cousas de recen casada
[Cantiga nova que se chama Ribeira, 1933. Álvaro Cunqueiro]
Hoxe estreouse en A Rúa o filme galego Pradolongo, que aparte da actuación de Tamara Canosa, tamén ten outras cousas boas. Á espera de que poidamos velas nos cines, déixolles un vídeo con “las partes” (coma dicimos en ferrolán) para ir abrindo boca.
Y si viene negra tempestad:
reir y remar y cantar.
A moitos socialistas nos cae ben Esquerda Unida. Ao fin e o cabo é un partido xurdido a partir dunha costela do PSOE.
As súas ideas se parecen tanto ás nosas que case son as mesmas, a gran diferencia é que o PSOE ten que gobernar para todos e a súa praxe non é tan arriscada como as propostas de IU. Pero compartimos moito, somos medio irmáns.
E coma ocorre moitas veces entre dous irmáns, ás veces unha habitación non é o suficientemente grande coma para compartila. E si, o sistema electoral é inxusto. Moito. Como tamén o é que a dereita unida teña vantaxe ante a esquerda dividida.
E que despois do mocazo electoral o gabinete de comunicación de esquerda unida emita un comunicado no que inclue un video musical dos Monty Python cheo de significado é outra cousa máis que me fai adoralos.
- Se queres sacar esa foto vas ter que subir polo monte.
- Xa.

Todo proceso político no que se producen votacións xa é interesante de por si. Convencer, pactar, trazar a estratexia e moverse no aparato electoral para recoller o máximo número de apoios é unha dos máis grandes retos que pode ter un equipo humano. E pola miña pequena experiencia podo dicir que dista moito de ser sinxelo. Nin tranquilo.
E nestas cousas ocorre coma nunha partida de xadrez ou de fútbol. Só os que coñecen ben as normas de xogo e teñen experiencia previa vivindo outras competicións o atopan apaixonante e son quen de seguir o vertixinoso desenvolvemento do encontro.
É por iso que aínda tendo unha gran importancia global, o proceso de nomeamento de candidatos presidenciais nos Estados Unidos é tratado dun xeito tan superficial e esperta tan pouco interese. Nos bares do país non se escoitan conversas sobre este tema e nos medios de comunicación dase unha información aínda máis simplificada da que obteñen os cidadáns ianquis.
Falemos entón do proceso previo ás presidenciais de EEUU. Comecemos por recoñecer que me perdo niso coma calquera e que eu só son experto en facer licor de guinda, pero vou facer uso desta anotación para tentar entender como funciona exactamente todo isto e saber por que son tan importantes os cactus de Iowa e as primas de New Hampshire.
Vaiamos co conto. Os candidatos a candidatos presidencias demócratas e republicanos teñen que superar un proceso de elección longo, duro e difícil. E caro. Non vou afondar no tema dos cartos. É dos máis importantes e está fortemente imbricado co proceso de primarias (o fluxo de doacións depende moito dos resultados que se van acadando), pero iso é un asunto que daría para unha anotación máis longa que falase das contradicións entre métodos, ideas e grupos de presión.
Todo comeza cando os interesados, normalmente cargos institucionais (senadores, congresistas, etc.), manifestan a súa intención de competir para o nomeamento. Forman comités exploratorios que valoran as súas posibilidades e apoios e comezan a recadar cartos. Durante os meses previos á celebración de caucus e primarias acuden a reunións de partido, forman os seus equipos territoriais e inician a campaña mediática.
O pistoletazo de saida é tradicionalmente o caucus de Iowa e as primarias de New Hampshire, seguido de distintos tipos de comicios en cada un dos estados e que culminarán nas convencións de xuño (equivalentes aos congresos dos partidos de aquí) de onde sairán oficialmente refrendados. Os estados xogan coas datas dos caucus e primarias para acadar máis relevancia nacional e ter máis capacidade de inflúir no resto de procesos.
Os diferentes sistemas de elección que usan os estados son os seguintes:
O proceso interno, os cálculos para asignar delegados e a pirámide de eleccións territoriais é algo complexo, pero basicamente unha vez calculados e asignados os delegados en función da representación serán enviados ás convencións do condados, onde se elixirán os delegados das convencións do distritos, de onde sairán os delegados da convención do estado que finalmente elixen delegados para a convención estatal de cada partido onde votarán polo candidato que representan.
O dos caucus é un sistema minoritario e a moitos estadounidenses lles parece “exótico”. Consideran raro quedar todos á mesma hora e no mesmo sitio para escoitar aos simpatizantes, discutir e despois votar.
Pero ¿quen vota nas primarias e caucus? Pois depende. Cada cidadán só pode participar no proceso de primarias dun único partido. Hai tres tipos de elección en función do estado e do partido: Aberta (onde calqueira que solicite a papeleta pode votar, aínda que sexa votante rexistrado do partido rival), pechada (onde só votan militantes e votantes rexistrados do partido) e semi-pechada (onde votan militantes, votantes rexistrados do partido e votantes sen afiliación). Nos caucus pasa o mesmo, por exemplo os do partido demócrata de Iowa son abertos e os de Nevada son pechados.
O aparato dos partidos tamén ten unha cota importante no proceso cos superdelegados, cargos públicos e orgánicos dos partidos nun número distinto en función do estado, que chegan á convención nacional sen necesidade de ser votados e que non teñen obriga de votar por ningún candidato en concreto. Tamén existén delegados saídos de primarias e caucus que non están suxeitos a disciplina de voto.
Normalmente os precandidatos van caendo durante os meses de primarias e caucus cando se quedan matematicamente sen posibilidades de elección ou cando contando con poucas opcións se quedan sen fondos. Isto, unido ao previsible do voto dos delegados, fai que se chegue ás convencións nacionais co gañador xa decidido e se convertan nunha cerimonia de lanzamento dos candidatos presidencias (e dos candidatos a vicepresidentes) e da súa plataforma (o que aquí nos partidos se chama “o documento”, o papel no que se plasman as ideas, proxectos e metas nas que supostamente se apoia a candidatura).
As eleccións presidenciais, finalmente, teñen lugar o martes despois do primeiro luns de Novembro. Desta vez será o día 4.
Referencias de interese:
No renovado e fermoso camiño que discorre entre Marraxón e A Fervenza (Fene), no medio dunha fraga chea de castiñeiros, carballos e érbedos, hai unha curva na os máis ousados poden cruzar o valado, apartar os toxos e as xilbardeiras e desviarse ata un penedo dende o que se domina o salto de auga do río Belelle. Abrazado pola rocha crece un vello carballo. A caida monte abaixo é de varias ducias de metros, pero agarrarse ás polas da árbore axuda a superar o vértigo.
Seguro que o penedo, polo singular que é, ten un nome (e se cadra unha lenda). Cal será?

Paseando pola mostra de poemas e outros textos de Xosé María Pérez Parallé que a Liga de amigos de Barallobre (Fene) ten exposta co gallo do seu vixésimo cabodano, atopei esta fermosa letra para rondalla ferrolá.
Pérez Parallé, tamén coñecido coma “O segrel do Penedo” naceu en Canido (pero pasou case toda a súa vida en Barallobre).
Canido
Pola porta de Canido
cheguei no carro do día
do xardín dos alboríos
o cravel de amor traguía
As saudades teño Praza
do Cruceiro, donde un día
namoroume unha rapaza
ca melura que engadía
Dos ensonos estantíos
unha moza, de ti deume
Fonte d’Insua, os manantíos
e de amor embebedeume
Canido, Canido
do sol e da rúa
da praza e da lúa
da estrela e da flor
Ouh, barrio leilido
saudade, lembranzas
de ensonos, de esperanzas
de roldas, de amor
As lembranzas nun recanto
da tafona recordada
engadironme no encanto
dunha moza regalada
Con esperanza de voltares
nalgún día, a ti Canido
pra decirche os meu cantares
i o segredo mais sentido.
Pola porta de Canido
marchouse o carro do día,
nos labios dunha doncela,
o cravel do amor surría
Canido: de roldas, de amor
Letra: Xosé María Pérez Parallé
Música: Juan Hernández Martínez
Xuño de 1984.

Cambiar de traballo e que unha chea de compañeiros te fagan unha cea de despedida é moi gratificante.
Que ademais te agasallen cun lanzador de mísiles USB, non ten prezo.