Arquivo do tema 'galego'

Liberdade de prensa

“A liberdade de prensa é a existencia de garantías coas que os cidadáns teñan o dereito de organizarse para a edición de medios de comunicación cuxos contidos non estean controlados polos poderes do estado.”

Censura

“El Jueves”, secuestrado por orde da Audiencia Nacional. Imos ver a reacción solidaria do resto dos medios de comunicación, que normalmente adoitan facer de palanganeiros da coroa. País!

Actualización: Unha das cousas que máis me gustan do ordenamento xurídico español é o “animus jocandi”. Se existe este “animus” entón amósase falta de “ánimus injuriandi”. ¿Que poden dicir os xuristas que len este blog diso? Sei que hai uns cantos. Falade.

A carreira espacial galega

Fragmentos extraidos da Enciclopedia Galega (Ed. do ano 2107).

A carreira espacial galega iniciouse no ano 2007 co proxecto do satélite de comunicacións galego, a proposta da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, […] e poucos anos despois, unha vez despregada a rede de satélites […] xa estaba madura unha tecnoloxía propia de lanzamento, grazas á experiencia da factoría de foguetes de Fene (situada nuns antigos estaleiros navais destrúidos na tráxica explosión dunha planta regasificadora cercana) e […] alí a pesares do veto da Unión Euroasiática que prohibía fabricar transbordadores espaciais militares, eran deseñados e montados foguetes da clase Pegaso que posteriormente operaba a empresa Monbús no cosmódromo de Punta Arnela […]

Foi así coma no ano 2035 Galicia ingresou no consorcio de países que participaban na Estación Espacial Internacional (ISS), coa ensamblaxe do primeiro módulo galego […]

Bestas

Loita de garañóns

O domingo á mañá fun á rapa das bestas de Pena Toxosa, na serra da Capelada (Cedeira).

Despois de que os acurradores conducisen a un cento de bestas bravas monte abaixo, os aloitadores procederon a rapalas e marcalas con crotais.

A última hora da mañá tivo lugar a loita de garañóns. Uns cabalos fisioculturistas competindo por unha femia. A loita é mais ben estética, orientada a obter a espectacular foto dos cabalos rampantes e enfrontados que será portada nos xornais. Pero tamén hai algúns lóstregos de violencia e crueldade, trabadas e couces furiosos.

Arrededios!

¡Arredediós que quieren meternos esos barcos por el culo! ¡pues no los queremos!

A miña nai, referíndose aos gaseiros que poñen en peligro aos habitantes da ría de Ferrol. O sentimento de rechazo a Reganosa en Ferrolterra é maioritario, pero a manipulación dos medios e a desvergoña dos políticos fan que no resto de Galicia sexa percibido como unha rabieta de catro mariscadores.

Na outra banda

Iván

Que saiban vostedes que hoxe estou en Fene de festa, aínda que eu son de Ferrol.

A ver quen traballa mañá.

Eleccións autonómicas 2007

Mentres aquí, tras tras o telón de grelos, os nosos políticos andan doentes tras unha ducia de votos desa parroquia que queda monte arriba e aínda está sen asfaltar, o resto de España, crisol de nacións, está discutindo quen será o seu seguinte presidente autonómico, líder próximo e xestor do correspondente feito diferencial.

Xa sei que todos vostedes coñecen a coincidencia das nosas apaixonantes eleccións municipais coas eleccións autonómicas das rexións de garrafón, aquelas que por posuír menos pedigree teñen que soportar a cadencia cuatrianual (non coma nós, que temos o privilexio de convocalas cando o caudillo breogánico de turno érguese inspirado).

A esa coincidencia debemos os galegos o feito de espertarnos días despois da nosa pugna política de alto nivel parroquial, unha vez xa superada a resaca de promesas sobre o tipo de empedrado da praza de abastos, coa sorpresa de atoparnos varios presidentes autonómicos cambiados. Como é que nolo perdemos?

A explicación é ben sinxela: os nosos medios de comunicación, con redaccións tradicionalmente compostas por catro becarios, dous rapaces con contratos precarios e un senecto director, están totalmente desbordados. Imaxinen o que é cubrir a campaña electoral de cada un dos partidos (nalgúns concellos ata oito) de cada unha das trescentas quince localidades, todos tentando saír diariamente nos papeis a base de iniciativas e actos do máis peregrino (sen ir máis lonxe o outro día, Juan Juncal, o mantido alcalde de Ferrol, tentou sen éxito subirse nun globo aerostático). Non chegan tampouco as páxinas, reservadas na súa meirande parte a dar fe de tanta iniciativa e proposta de fondo calado e tamén a colocar os saborosos módulos de publicidade electoral cos que se paga a cobertura informativa preferente.

Menos mal que para informarse de verdade está o internet, así que facendo gala dese afán culturizador que me caracteriza non podo deixar de recomendarlles a xenial serie que sobre as autonómicas 2007 que está a realizar La página definitiva, mestres do humor intelixente e corrosivo. Alí cada unha das autonomías é caracterizada e posteriormente analizada en clave electoral. Hai párrafos impagables, coma estes de Guillermo López no artigo sobre Extremadura:

“Extremadura es una bella comunidad autónoma, una de las 17 bellas comunidades autónomas que componen el Estado español. La rutilante belleza de Extremadura se manifiesta no sólo en sus hermosos parajes o sus monumentos históricos, sino, sobre todo, en la acusada personalidad propia, es más, idiosincrasia propia, en resumen, características diferenciales, que la convierten en una comunidad única, una de las 17 comunidades únicas que conforman el Estado español.

Dichas características diferenciales se ponen fácilmente de relieve por la simpatía de sus gentes, la variedad de su gastronomía, y la existencia de hondas tradiciones culturales como, por ejemplo, tirar a un burro desde lo alto de un campanario como culminación de unas fiestas patronales, a diferencia de lo que podría ocurrir en otras partes de España, donde prefieren tirar yeguas o quemar autobuses, o bien ejecutar hermosos bailes tradicionales ataviados con vestidos de bella factura claramente diferenciados de otros 16 bailes con sus correspondientes vestidos.” […]

Os maios de Canido

Maio

Hoxe, como todos os primeiros de maio dende fai miles de anos, uns cantos veciños do ferrolán barrio de canido sacan á rúa unhas estruturas cónicas cubertas de ramallos, flores e froitas. Son os maios.

Con elas pretenden festexar a chegada do bo tempo, nun día que ademais é o patrón do barrio (aínda que a tradición dos maios é anterior á relixión cristiá).

Din que ata o século XII os maios estaban estendidos por toda Galicia. Na actualidade só se celebra nuns poucos lugares nos que a tradición se recuperou a partir dos anos 70. En Canido nunca se interrompeu. Incluso nos anos nos que non existiu asociación no barrio (chámeselle AAVV, gremio ou tribo) os veciños sacaban os seus maios á rúa de xeito espontáneo. Os de Canido levamos os maios no ADN.
Debe ser a festa galega máis antiga, a tradición máis vella que aínda respectamos.

Nestes últimos anos regresei a vivir a Canido, fixen licor de guinda, tiven un fillo. Faltaba un maio.
Co impulso de Mela e a axuda da miña irmá e a miña nai hoxe diante da miña porta luce un maio.

Agora xa teño aseguradas boas colleitas. Vou ver se xunto xente para bailar ao seu redor.

Alegoría

GZ

Que é o nacionalismo, senón un rapaz que aínda soña con aeróstatos.

Un emprendedor ferrolán

POR APARCAR DENTRO VALE 5 EUROS

Novas oportunidades de negocio: Reconvertir unha leira na parroquia de Mandiá nun prometedor aparcadoiro durante a romaría do veciño monte de Chamorro.
E logo din que Ferrol está en crise.

Tecno

Un día propúxenlle aos meus amigos facer un disco. Cada un escribiría e interpretaría unha canción.
É importante sinalar que a maioría sabíamos tanto de música coma de prusiano antigo, pero iso non foi obstáculo para a nosa creatividade.
O estilo e os instrumentos eran libres. JuanK, por exemplo, escolleu unha peza súa de música experimental interpretada, entre outros, con pelota de ping pong e guitarra.

Eu compuxen un tema tecno por ser o que se da mellor nun computador (e porque sempre fun un moderno). Titulábase “M:I”.

Hoxe atopei o disco remexendo entre os cd’s. Aquí vai a proba sonora do que puido ser unha gran carreira musical.

Descargar (por se o queres usar na túa próxima rave)