Arquivo do tema 'procreación'

Bonecos bizarros

Peluches beatos

Non sei se coñecerán vostedes o imperio ALI. Trátase dun conxunto de superficies comerciais temáticas situadas nunha esquina do ferrolán polígono da Gándara.
Ultimamente frecuento moito o almacén adicado a produtos para nenos pequenos. ALI Bebé é un mundo de fantasía onde cousas que non imaxinas que existen, e moito menos que use un neno pequeno, atópanse en seis cores e catro tallas. O meu lema nesa tenda sempre é “ateñámonos á lista”.

Tamén venden xoguetes para neonatos. O outro día estaba fedellando cuns peluches con forma de coello e patiño cando de súpeto un deles comezou a recitar o seguinte:

‘’Santo Angel de mi Guarda, mi dulce compañía, no me desampares ni de noche ni día, hasta que me pongas en paz y alegría, con todos los santos Jesús, José y María. Y si me desamparas, qué será de mi? Angel de mi Guarda, recemos por mi'’.

Algún empresario xogueteiro opina que o lavado de cerebro ten que comezar moi cedo. Son bonecos realmente sinistros. Lémbranme o especial cariño que lle teñen os sacerdotes aos nenos pequenos. Cando España era gobernada dende os cuarteis e a sacristía estas cousas eran habituais, pero a estas alturas é bastante rancio. Seméllanse aos cadernos de caligrafía de ghanito.

O peor de todo é que mentres eu me afastaba entre gargalladas, dúas rapazas falaban do bonitos que eran e do adecuados que serían como agasallo para o fillo dunha amiga.

Eu aínda non lle cantei a internacional ao meu fillo. Deixemos aos nenos medrar en paz.

Nada menos

Tres quilos con setecentos gramos e ferrolán.

Nada menos.

Un agasallo para os Xaimes

Quedan moi poucas semanas para que naza Xaime, fillo de Xaime e neto de Xaime, e para festexar a ocasión vou a ofrecerlle un agasallo a os Xaimes que o queiran: 20 enderezos de email de 2 GB de capacidade co formato apelido@xaime.net e xestionados dende unha interfaz de gmail.

Por exemplo, se vostede se chama Xaime Aneiros, ofrézolle de balde o enderezo aneiros@xaime.net.

Os dous únicos requisitos son :

  • Chamarse Xaime
  • Enviar un email a xaime(arroba)xaime.net contándome algo de vostede (non pido gran cousa, algo do estilo de “Chámome Xaime Aneiros, teño 29 anos e son charcuteiro en Portozás”. É só para saber a quen lle fago o agasallo, evidentemente este datos non se usarán para nada nin se difundirán).

Deste xeito vostede poderá ter un enderezo de email único e orixinal que inclua o seu nome.

Xaime Bello, Xaime Pita, Xaime Fandiño… ¿a que están agardando?